Friday 17 de May de 2024

O Goberno local dá luz verde á construción dun edificio que completa a urbanización da praza da Fábrica de Tabacos


 

O Concello reestrutura os servizos municipais e as escolas infantís pasarán a depender da Concellería de Educación e Cultura

A Xunta de Goberno Local concedeu esta mañá dúas licenzas urbanísticas para dous edificios de vivendas cuxo orzamento supera o millón de euros. Unha licenza outorgaráselle á empresa Udralar SL para construír un edificio de 68 vivendas no único soar que queda baleiro no ámbito da praza da Fábrica de Tabacos.que permitirá completar a urbanización nesta zona. A outra licenza é para un modificativo no proxecto de construción doutro inmoble con fachadas ás rúas de Santa Lucía e Fernández Latorre. O permiso inclúe as obras de reestruturación e ampliación do edificio do número 9, que xa dispón do informe perceptivo de Patrimonio Cultural da Xunta.

No ámbito urbanístico, a Xunta tamén concedeu a aprobación inicial do estudo de detalle na estrada Baños de Arteixo promovido por Showa Denko Carbom Spain SA para ampliar a fábrica e daralle luz verde a outro estudo que permitirá completar as rasantes na avenida de Lamadosa, na esquina coa rúa Jerónimo Vázquez Franco.

Por outra banda, logo de reestruturar servizos municipais levados a cabo polo Goberno local para redistribuír competencias entre dúas concellerías, as escolas infantís municipais, que dependían ata o de agora da Concellería de Benestar Social, pasan á Concellería de Educación e Cultura.

Outro dos asuntos do día foi sinatura dun convenio de colaboración coa entidade de RRI de Artesanos e a autorización dunha subvención de 91.000 euros para contribuír á viabilidade do centro e á posta en marcha de distintas actividades.

Ademais, tamén se aprobou a solicitude realizada pola Fundación Mujeres para utilizar a sala de formación do Centro de Empresas Accede Papagaio co fin de desenvolver unha xornada formativa dirixida a mulleres emprendedoras.

Na sesión de hoxe, o edil de Economía e Facenda, José Manuel Lage, foi designado como representante municipal no consello do Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Sur e a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, foi nomeada suplente.

A sinatura dun convenio de colaboración con Amigos da Ópera e a aprobación dunha subvención por importe de 80.000 euros á entidade para contribuír ao financiamento da súa Tempada Lírica foi outro dos asuntos da orde do día.